A Deputación sinalizará 630 km de estradas para mellorar a seguridade viaria dos ciclistas

08.09.2017

Valentín González Formoso presentou hoxe un novo plan que se implantará nos 57 tramos de vías máis transitados por bicicletas, que representan un 30% da rede provincial de estradas

A Deputación da Coruña implementará un plan de mellora da seguridade ciclista na rede provincial de estradas, que consistirá na instalación de novas sinais nun total de 630 quilómetros de vías.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presentou hoxe este plan, que conta cun investimento de 157.490 euros, xunto ao deputado provincial Daniel Díaz Grandío, a quen lle agradeceu o seu apoio á iniciativa.

González Formoso explicou que o plan "permitirá mellorar a seguridade dos ciclistas en 57 estradas", que supoñen preto do 30% dos 2.100 quilómetros cos que conta a rede de estradas provinciais.

Para a selección dos tramos nos que se implementará o plan, o departamento de Vías e Obras da Deputación, que dirixe o deputado José Manuel Pequeño, recolleu as propostas da Dirección Xeral de Tráfico, a Federación Galega de Ciclismo e a Asociación de Ciclistas Crunia. "As estradas foron seleccionadas en función do volume de ciclistas que rexistran, polo que son as que teñen maior intensidade de tráfico ciclista da provincia", afirmou o presidente provincial.

O plan de mellora da seguridade ciclista contará con dúas liñas de acción complementarias. A primeira delas consistirá na instalación de novos sinais para advertir da presenza habitual de ciclistas no tramo e informar das medidas de seguridade en 410,6 quilómetros de 40 estradas.

Doutra banda, completarase a sinalización xa existente en 220 quilómetros de 17 estradas, complementando así a campaña "Ponlle freo", na que participou a Deputación.

1,5 metros de distancia

En total, colocaranse 86 paneis e 286 sinais triangulares. Os paneis terán unhas dimensións de 1,2 x 1,8 metros e colocaranse en ambos sentidos do vial, ao principio e ao final de cada tramo. Neles, advertirase sobre a obrigatoriedade de deixar 1,5 metros de distancia nos adiantamentos entre automóbiles e ciclistas e especificarase o número de quilómetros do tramo no que é frecuente atopar bicicletas.

Os sinais triangulares colocaranse cada dous ou tres quilómetros para lembrarlles aos condutores a presenza de ciclistas na estrada.

Fomento do ciclismo na provincia

Valentín González Formoso inscribiu o plan de seguridade viaria na "aposta da Deputación polo ciclismo", e puxo como exemplo a Rede Ciclista Metropolitana, na que a institución inviste 3,6 millóns de euros "para conectar Arteixo, Oleiros, A Coruña, Cambre e Culleredo" mediante un carril de 78 quilómetros de lonxitude.

González Formoso lembrou que hoxe a Xunta de Goberno do Concello da Coruña aproba a licitación do tramo da rede ciclista que percorre por este concello. Así mesmo, destacou que Oleiros está a punto de rematar o seu tramo, Culleredo comezará as obras proximamente, Cambre está modificando o proxecto e Arteixo aínda o está elaborando.

Pola súa banda o deputado e concelleiro de Mobilidade Sostible da Coruña, Daniel Díaz Grandío, agradeceu a "celeridade da Deputación" para implementar este plan, e destacou o compromiso do goberno provincial para "mellorar a seguridade e animar así ao uso da bicicleta", tanto como método de transporte, coma de ocio e de fomento do turismo nas zonas verdes da provincia.

Neste sentido, a Deputación vai destinar 40.000€ para financiar a redacción do proxecto da Vía Verde Santiago - Cerceda, que permitirá percorrer a pé ou en bicicleta 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do tren nos concellos de Santiago, Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda. "Ao igual que facemos na área metropolitana da Coruña coa Rede Ciclista, con este proxecto pretendemos poñer en valor un modelo de transporte sostible", afirmou González Formoso e engadiu que a Vía Verde será un elemento dinamizador do turismo e facilitará a conexión dos núcleos rurais dos cinco concellos.

60 quilómetros de sendas peonís

Co obxectivo de mellorar tamén a seguridade dos peóns nas vías de titularidade provincial, González Formoso afirmou que o departamento de Vías e Obras "ten aprobadas ou en execución máis de 33 quilómetros de sendas peonís", que supoñen un investimento de preto de 5 millóns de euros. O presidente provincial lembrou que "o noso obxectivo é alcanzar os 60 quilómetros de sendas ao final do mandato, en 2019".