A Deputación da Coruña incrementará o investimento en mantemento e mellora das estradas de “carácter metropolitano” da área coruñesa

17.04.2018

A transferencia aos concellos dos viais máis urbanos e a Rede Ciclista Metropolitana figuraron tamén entre os asuntos abordados na reunión 

16 de Abril de 2018

A Deputación da Coruña incrementará o investimento en mantemento e mellora das estradas de "carácter metropolitano" da área coruñesa.

Así o afirmou hoxe o presidente, Valentín González Formoso, ao remate da reunión que mantivo esta mañá na sede da institución provincial cos representantes da Mesa de Alcaldes da Área Metropolitana da Coruña, na que participaron os rexedores/as da Coruña, Xulio Ferreiro; Arteixo, Carlos Calvelo; Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; Betanzos, Ramón García Vázquez; Cambre, Óscar García Patiño; Culleredo, José Ramón Riobóo; Oleiros, Ángel García Seoane; Sada, Benito Portela; Abegondo, José Antonio Santiso e Carral, José Luis Fernández Mouriño.

González Formoso valorou positivamente o encontro, que serviu para pór en común cal é a situación e as demandas dos alcaldes en materia de infraestruturas viarias na área coruñesa. "Hai determinadas estradas que pola conexión esencial que supoñen entre municipios e pola intensidade de tráfico que rexistran cambian o seu perfil e pasan a ter o carácter de metropolitanas", sinalou o presidente, que comprometeu que o departamento de Vías e Obras da institución, tamén presente na reunión, terá en conta esta circunstancia especial e "dedicará máis fondos para manter e mellorar estes viais, unha vez liberadas as posibilidades de investimento dos remanentes".

O presidente provincial avogou por "compartir o concepto do metropolitano, tamén no ámbito das infraestruturas" e subliñou que, neste aspecto, "a Deputación ten un papel esencial".

Transferencia de viais e Rede Ciclista Metropolitana

Neste sentido, apuntou que outro dos asuntos abordados na reunión foi a transferencia aos concellos da titularidade de determinados viais eminentemente urbanos. "Non ten sentido que a baixada á praia de Bastiagueiro sexa unha estrada provincial", citou como exemplo González Formoso, que destacou que o goberno provincial quere comezar este proceso de reorganziación da rede provincial de estradas "durante este mesmo ano".

Durante a reunión de hoxe falouse tamén das posibilidades de que a Deputación colabore no financiamento de determinados estudos necesarios para a constitución formal da área metropolitana e dos avances na Rede Ciclista Metropolitana, un ambicioso proxecto- actualmente en fase de execución- para construír un carril bici de 78 qullómetros que posibilitará percorrer todo o litoral coruñés dende Barrañán ata Mera e no que a Deputación inviste 3,6 millóns de euros.

Nese sentido, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou que o Concello xa adxudicou as obras do tramo coruñés que unirá a Mariña e a ponte da Pasaxe e que prevé que as obras dean comezo en breve.

Formoso lembrou tamén que a Deputación busca financiamento con fondos europeos FEDER, en concreto a través das axudas que convoca o IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético) para estender a Rede Ciclista a un "segundo anel" da área metropolitana coruñesa que pasaría polos concellos de Carral, Abegondo, Cambre, Bergondo e Betanzos. Un itinerario que estaría composto por preto de 30 novos quilómetros de sendas ciclistas, cun investimento previsto de 2,5 millóns de euros.

Fonte: Deputación.