Unha senda BTT vertebrará a Costa da Morte

03.04.2018

Centro BTT Costa da Morte: unha senda que conecta 10 concellos

Á espera da ratificación por parte das entidades municipais a Deputación xa consignou unha partida de 181.000 euros 

A Deputación e os concellos da Costa da Morte reúnense para avaliar o proxecto do Centro BTT

02 de Abril de 2018

O deputado responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, mantivo está mañá unha reunión cos alcaldes dos dez municipios polos que transcorren os 630 quilómetros do proxecto Centro BTT Costa da Morte, para o que a institución provincial xa ten consignada unha partida orzamentaria de 181.000 euros.

Tras máis de dous anos traballando na configuración do proxecto turístico "Centro BTT Costa da norte" que conectaría os concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas, por medio dunha senda de BTT, os municipios inician agora un período de estudo e análise das condicións establecidas no convenio elaborado pola Axencia de Turismo Xunta da Galicia e a Deputación da Coruña, para afrontar a execución, acondicionamento e sinalización do proxecto.

Durante a reunión, o responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, subliñou que "é preciso o compromiso firme de todos os concellos que forman parte deste proxecto", pois unha vez que o convenio marco sexa asinado, a Xunta de Galicia revisará e avaliará a homologación da cada un dos quilómetros que conforman o percorrido, unha coxuntura, incidiu, "que determinará semestralmente que o proxecto siga adiante".

Xosé Regueira indicou que para levar a cabo esta iniciativa a Deputación xa ten consignada un partida económica de 181.000 euros nos orzamentos do presente ano. Neste sentido, o responsable de Turismo sinalou a posibilidade de que as actuacións nos diferentes concellos requiran unha pequena achega asumida polas propias corporacións municipais, xunto co mantemento das sendas que transcorran polo seu territorio.

Nesta mesma liña, a xuntanza de hoxe serviu para valorar unha posible reunión con responsables Axencia Galega de Turismo, co fin de negociar algún tipo de achega económica por parte Xunta, coa que poder facer fronte ás posibles alzas nos custes do Centro BTT Costa da Morte.

Dende hoxe, os concellos iniciarán o estudo de cada unha das cláusulas que presenta o convenio de colaboración Centro BTT Costa da Morte para avaliar se están en disposición de cumprir todas as condicións que este establece. Así mesmo, deberán revisar e verificar a titularidade das sendas que pasan polos seus municipios.

Un Centro BTT é un produto turístico destinado á promoción da práctica da bicicleta de montaña, contando así mesmo, con centros de recepción e información onde se ofrecen diferentes servizos asociados a esta práctica deportiva. Ademais, formarán parte do Centro BTT un conxunto de rutas convenientemente sinalizadas e acondicionadas para a práctica do BTT.

Fonte: Deputación.